
Entre as moas que me amolou o dentisto cando fun curar unha caries e o temita de moda, cabreado ando. Porque ademáis de todo o que é público e de xeral (des)coñecemento, resulta que nos últimos meses os programadores teatrais do país andan, abeirados na grande sombra do discurso unánime contra o copyright, mobilizándose contra o pago dos dereitos xustos ós autores de teatro que teñen a sorte (ou a desgracia) de seren representados polos nosos edificios culturais adiante.
Así que escudándose tralo balbordo contra a SGAE (entidade coa que moitos autores estamos tamén en desacordo, entre outros motivos, pola súa manifesta ineficiencia no devengo de dereitos precisamente ós que menos dereitos xeramos) os programadores dos teatros públicos (¿hai outros?) decidiron pagar ós autores, aínda que as compañías de teatro cobren un caché completo, só o 10% da taquilla. ¿Que quere isto dicir?: que se a Compañía de Teatro X vai representar a Z diante de cen espectadores que pagan tres euros pola entrada, o autor cobrará o 10% dos 300 euros de taquilla mentres a compañía cobrará o caché de 6.000 euros por función que ten establecido; quere isto dicir que os actores, o empresario, o director, o programador, os técnicos de escena e todos o persoal que se vos poda ocurrir que forma parte do espectáculo cobrarán o seu soldo establecido, e o único traballador do conto que arriscará os seus ingresos será o autor: que non pode decidir sobre o prezo da entrada, nin sobre a publicidade mala ou boa que o programador do concello fai, nin sobre o horario no que a función se celebra, nin sobre a calidade do espectáculo que montaron a partir do seu texto máis alá do respecto que pode (e ás veces renuncia a) esixir.
Supoño que é evidente que non estou en contra da defensa de ningún dereito. De ningún. Pero si que estou en contra de que neste balbordo imparable e unidireccional a única voz desprezable sexa a dos que traballamos con palabras e notas musicais (que eu saiba, o cambio no modelo de negocio non está afectando a pintores e escultores, que tamén traballan con ideas, que curioso). Porque ideas de todos tamén son a de lucrarse como intermediario de produtos agrícolas ou prestador de diñeiros ou fabricante de automóbiles. E non vexo moitos manifestos nos medios contra os seus abusos, nin defendidos polo PP. Así que antes de firmar e apoiar nada, pensádeo ben: se cadra nesta revolución no modelo de negocio cultural, os primeiros que se tiran do barco son os que forman parte do elo máis feble da cadea, aqueles que, precisamente, dan un contido a ese todo. Pensádeo moi ben; porque o lóxico, o natural e ata o comprensible, se ademáis nos centramos neste país e neste negocio, e se coñecemos as condicións en que facemos o traballo, é quitarse.
5 ResponsesSobre dereitos e esquerdos de autor to “”
«Quitarse» sempre é máis digno, pero no fondo é que «vos quitan» e depois que van representar?, que imos ver?, que imos ouvir?, que imos ler? Seica hai quen pensa que a creación nace por arte espontánea.
Haberá que opositar ao funcionariado e nas horas vagas, escribir, compór…?
(Conste que son parte afectada, como intermediaria na sombra. Así que non, non son obxectiva, nin quero.)
Si, Sun, pero iso é como o do chiste do que chega borracho ó piso ás seis da mañá contándolle ó colega que a parella o trae a raia. E o colega dille que ten que se impoñer, montarlle unha boa (bronca). E o tipo moi decidido sube, e ós dous minutos aparece caendo pola ventá para abaixo; polo aire, ó descubrir ó colega aínda na rúa, berra: ¡e agora marcho da casa!
E por certo: o outro día había quen se escandalizaba porque nunha enquisa dicía a maioría da xente nova que queren ser funcionarios. Eu escandalízome por non terlle feito caso á miña nai cando aínda era tempo. Tocante ó outro, pois si, claro, xa sabe que si.
Voulle dar a razón, porque aquí uns pillán e outros, non. Porque uns cobran a dios e outros traballan de clocló. Porque nun mundo absolutamente subvencionado resulta que só os creadores son uns mantidos. E tamén porque tentan facer que comunguemos con rodas de muiño, como Xil Ríos.
Tamén digo que o modelo vai cara iso que vostedes din: se queres crear, tes que buscarte un traballo que che manteña. É así. Ao mellor volven os mecenas (os de verdade) e uns poucos, os mellores, poderán seguir vivindo de facer música ou teatro. Ao mellor hai que vivir dos premios. Ao mellor volve o Tin Pan Alley e os creadores traballarán nunha oficina 8 horas, cun soldo fixo (como fan hoxe os guionistas da tele) e outros se adicarán a interpretar (como fan hoxe as estrelas da tele) e a facer o show. Así era hai 50 anos, non hai tanto. Ao mellor os creadores acaban coma os futbolistas, cobrando un soldo dunha empresa a cambio de dar espectáculo unha vez á semana. Hai moitas fórmulas e o espectáculo vai continuar, pero doutro xeito.
Pretender que a xente pague por algo que pode coller gratis (imaxinémonos que non existiran os inspectores de facenda e que non te puideran pillar defraudando: canto declararía Loquillo? Inda máis: canto declara hoxe? Imaxinemos que non existira o rádar nin as multas de tráfico) é absurdo. E é o que hai.
Se hai alguén na sala que pretenda vivir a partir de agora dos dereitos de autor, lasciate ogni speranza, voi che entrate! Por certo, Dante escribía de puta madre e non vivía diso. Pódese facer e imos ter que facelo. Como sexa.
Si home si, vostede dame a razón coma os tolos, fai ben. A ver se o fin de semana dou feito a biblia que teño na cabeza sobre o tema, que ando discutindo por todas parte e xa nin sei o que digo (bueno, pero iso tampouco é novo).